A USC impulsa o desenvolvemento profesional e persoal a través de obradoiros para mellorar as competencias emocionais

O encontro de intelixencia emocional Enmente desenvolverase o 1 de outubro na Facultade de Ciencias da Comunicación. A inscrición está aberta e custa 25 euros


Cartaz do I Encontro de Intelixencia Emocional da USC

A Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da Universidade de Santiago de Compostela e o Instituto de Ciencias da Educación da USC celebrarán o vindeiro 1 de outubro o primeiro encontro de intelixencia emocional Enmente, unha iniciativa formativa aberta á participación de todas as persoas que queiran mellorar as súas competencias emocionais.

O programa Enmente prolongarase durante unha xornada de oito horas e está estruturado en oito obradoiros dinámicos e de participación, a través dos que se pretende axudar a maximizar o potencial das persoas asistentes, e en particular as persoas do ámbito universitario. Para acadar este obxectivo, os promotores deste primeiro encontro de intelixencia emocional, poñerán ao alcance das persoas asistentes ferramentas e estratexias, a través de unha metodoloxía eminentemente práctica.
O equipo docente do programa Enmente está formado por 8 persoas relatoras procedentes de diferentes ámbitos profesionais e especialidades. Trátase de profesionais  de recoñecido prestixio na nosa comunidade e tamén a nivel nacional, profesorado que provén do entorno universitario e tamén formadores procedentes da empresa privada. Todos os relatores convidados a participar neste encontro destacan en eidos relacionados coa Educación, os Recursos Humanos, a Innovación e Talento, Coaching, Psicoloxía, Intelixencia Emocional, PNL –Programación Neurolinguística- etc.
As distintas actividades formativas programadas permitirán ao público participante traballar estratexias e ferramentas para a xestión emocional a través de diferentes obradoiros. A temática destas sesións, de carácter dinámico e interactivo, é ampla é diversa. Así, Jon Berastegui impartirá un obradoiro de xestión do estres e ansiedade, mentres que Alejandra Mosteiro guiará outro sobre xestión de conflitos para traballar a asertividade. A mellora da comunicación verbal e non verbal centrará a acción dirixida por Aixa Permuy e María José Méndez Lois, mentres que Carmen Vázquez de Prada afondará en cuestións relativas á escoita activa e empatía, e Manuel Rivero abordará algunhas estratexias para a toma de decisións.
No marco do programa Enmente, tamén se traballarán técnicas para favorecer o noso benestar nun obradoiro que correrá a cargo da madrileña Silvia Escribano, e para traballar a nosa motivación e autoestima (Marcela Parga) ou a tolerancia á frustración para saír reforzado de situacións difíciles (Raquel Pedrouso).
Desenvolvemento do programa e inscrición
Os oito obradoiros incluídos neste primeiro Encontro de Intelixencia Emocional desenvolveranse o día 1 de outubro, en quenda de mañá e tarde (de 9.00 a 13.00 e de 15.00 a 19.00 horas) na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago. As persoas interesadas en participar nestes obradoiros, que están encamiñados a favorecer o desenvolvemento persoal e profesional a través da mellora das nosas competencias emocionais, para ser capaces de enfrontarnos aos nosos retos e obxectivos dun xeito máis solvente e eficaz, só poderán escoller catro das actividades ofertadas.
A inscrición nesta xornada está aberta e ten un custe de 25 euros. As prazas son limitadas e as persoas interesadas poden reservar praza, formalizar a inscrición e ampliar información na web www.antigosalumnos.usc.es, así como a través do número de teléfono 605 853 565 ou no enderezo de correo electrónico enmenteusc@gmail.com.
Advertisements